23 de outubro de 2013

ALICE MUNRO, premio Nobel de Literatura 2013


O Premio Nobel de Literatura foi concedido este ano á canadense Alice Munro polos seus relatos centrados nas fraquezas da condición humana. Alice Munro, que figuraba na listaxe de favoritos, é a primeira persoa de nacionalidade canadense e a decimoterceira muller que obtén o Premio Nobel de Literatura dende a súa primeira edición en 1901. O xurado considerou que Munro é unha "mestra da narración breve contemporánea" e eloxiou "a súa sutil narración, que se caracteriza pola claridade e o realismo psicolóxico". Algúns críticos considérana o Chéjov canadense, en referencia ao escritor ruso Antón Chéjov. "As súas historias desenvólvense a miúdo en cidades pequenas, onde a loita por unha existencia decente xenera a cotío relacións tensas e conflitos morais, ancorados nas diferenzas xeracionais ou de proxectos de vida contraditorios", dixo a Academia. É a primeira vez, en 112 anos, que a academia sueca premia un autor que só escribe contos. A escritora canadense recibirá, ademais, oito millóns de coroas suecas (1,24 millóns de dólares, 915.000 euros). A cerimonia de entrega do prestixioso galardón terá lugar en Estocolmo o 10 de decembro, aniversario da morte do fundador do premio, Alfred Nobel. En 2012, o gañador foi o novelista chinés Mo Yan.

Ningún comentario: