23 de xaneiro de 2014

UN MUNDO MÁXICO DE PAPEL

O 18 de decembro do 2013 abriu en Zaragoza a "Escuela Museo Origami" ( EMOZ ). Este centro é o primeiro dedicado ao origami de alto nivel en todo o mundo. Ten unha extensión de 771 metros cadrados, dos cales uns 500 están reservados para exposición.

A primeira sala que atopa o visitante é de Introdución Histórica dende o século II a.C. Esta será permanente, trazando a traxectoria paralela desta arte en Oriente coas grúas e en Occidente coas paxariñas, xunto coas creacións do Grupo Zaragozano presididas pola virxe do Pilar.

A seguir pásase a unha segunda sala onde se explican as técnicas do pregado con varios exemplos, antes de chegar a unha terceira, protagonizada por figuras humanas e máscaras. O oso xigante realizado con papel humedecido é a peza máis chamativa dunha cuarta sala que é preludio dos dragóns vietnamitas e os peixes xaponeses que se poden ver na seguinte sala. Reptís, aves e a ra que promocionan o primeiro póster do EMOZ ocupan as últimas estancias das destinadas a amosar a rica colección.

As dúas últimas salas do EMOZ están destinadas a exposicións temporais e á escola. Na primeira, ata marzo, pódese ver o traballo de Víctor Coeurjoly. Naceu en Madrid, o 16 de marzo de 1993. De nai española e pai francés, coñeceu o origami tanto en Francia como en España. Fai estudos superiores de deseño mecánico e ademais gústalle o debuxo e a música. Empezou a pregar aos 8 anos e dende o principio lanzouse a crear. Entre as súas creacións destacan un homiño, unha xirafa e unha ovella.

É membro da AEP e do CRIMP, e participou en convencións españolas e foi invitado de Honra á Convención Francesa celebrada en Carcasonne.








Ningún comentario: