Amosando publicacións coa etiqueta Museos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Museos. Amosar todas as publicacións

12 de novembro de 2014

INAUGÚRASE O MUSEO DE HISTORIA NATURAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA


O Museo de Historia Natural da Universidad de Santiago é un valioso conxunto do patrimonio histórico científico e o único museo de Historia Natural existente en Galicia. Nel poden verse un gran número de coleccións -que suman un total de 25.000 exemplares- de fauna, flora e minerais procedentes, non só de Galicia, senón de todas as partes do planeta.

Como centro continuador do Gabinete de Historia Natural creado na Universidad de Santiago durante o curso 1840-41, o Museo conserva nas súas instalacións moitas coleccións do século XIX, verdadeiras alfaias patrimoniais, que converten a este centro nun tesouro científico. Todo este patrimonio fai que este centro sexa un 'escaparate do mundo natural', en xeral, e da ciencia galega, en particular. A través das súas coleccións pode realizarse un completo percorrido polo labor dos máis destacados científicos galegos como Antonio Casares Rodríguez, Víctor López Seoane, Isidro Parga Pondal,  Luís Iglesias, José Rodríguez..., así como pola investigación actual realizada en distintos departamentos da Universidade de Santiago.

O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela é un centro con fortes potencialidades educativas e sociais, pois ademais das súas tarefas de investigación e educación formal, centra o seu futuro na divulgación científica, dando resposta ás obrigas que esta universidade ten coa cidadanía.

    



 

18 de maio de 2014

18 de maio, Día Internacional dos Museos



O Día Internacional dos Museos celébrase en todo o mundo dende 1977, según  resolución  tomada na XII Asamblea Xeral do ICOM en Moscú. Cada ano é elixido un tema polo Consello Consultivo. O evento ofrece aos museos e aos seus profesionais a oportunidade de achegarse ao público e á sociedade e facerlles coñecer os cambios que os museos desenvolven, posto que son  “unha institución ao servizo da sociedade e do seu desenvolvemento”.



A comunidade museolóxica seleccionou como tema “Os vínculos creados polas coleccións dos museos” para celebrar o Día Internacional dos Museos en 2014, que pretende renovar os métodos tradicionais de participación que teñen implementado os museos para manter vivo o interese das persoas interesadas. Os museos estanse a enfrontar constantemente aos cambios na industria, que os obrigan a replantexar o seu compromiso tradicional e atopar novas formas para que os visitantes amosen interese por coleccións máis accesibles. No seu papel de relatores do patrimonio cultural e a memoria colectiva dunha comunidade, os museos contribúen de maneira importante ao desenvolvemento da sociedade, vinculando os visitantes cos diferentes tipos de coleccións.



O tema e o póster de 2014 resaltan a colaboración existente entre os museos do mundo, así como a súa importancia para os intercambios culturais e o coñecemento das culturas do mundo.

Neste enlace, animádevos a escoller entre os Museos de Compostela que podedes visitar.