Amosando publicacións coa etiqueta Deseño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Deseño. Amosar todas as publicacións

13 de marzo de 2015

A ARTE DE RECORTAR

Este é un libro de Jean-Charles Trebbi que trata do deseño, as técnicas, a tradición e os novos usos do papel, do cartón, da madeira e doutros materiais.



Cortar, seccionar, fender, perforar... Moitos termos definen a arte do recorte. O "corte" ou "recorte" é un complemento lóxico e técnico do pregado e vai unido a el. O autor explica as técnicas tradicionais que están aínda vivas no mundo e explora as novas formas de expresión artísticas, impulsadas polos modernos materiais e a tecnoloxía punta.

Esta obra presenta unha selección de artistas orixinais, de estilo tradicional ou contemporáneo: Chris Natrop, Bovey Lee, Ingrid Silakus, Lisa Jones ou Catherine Winkler son algúns exemplos.



20 de novembro de 2014

PAPEL MARMORADO


Os papeis á auga, papeis marmorados ou marbled papers, son unha variedade de papeis tinxidos, decorados con formas que semellan vetas naturais do mármore e outras formas arbitrarias, obtidas colocando o papel sobre a pintura que se dispuxo sobre a superficie da auga nunha cubeta, espesada con agar-agar ou outro produto parecido. As pinturas utilizadas soían ser acuarela ou gouache e a auga espesábase ata facer unha xelatina para que a pintura non se disolvera, mantendo así as formas que se van obtendo ao depositalas na súa superficie, manipulándoas con punzóns, peites... O papel deposítase sobre esta superficie coloreada, previamente tratado con algún producto que lle proporciona mordente, facilitando a absorción uniforme da capa de cor: humectantes, fel de boi, óleo, trementina e outros productos.
O papel marmolado vén de Xapón. No século IX utilizábase o "suminagashi", papel decorado con axuda de tintas depositadas na auga. Servía de soporte á caligrafía, aos poemas e logo aos documentos oficiais.
De Asia pasa a Turquía, onde coñece un novo pulo. As cores fan a súa aparición. Son aínda frouxas pero variadas. O papel marmolado chega a Occidente no s. XVII: a Italia, Alemaña, Inglaterra e, grazas aos intercambios comerciais, instálase en toda Europa.
Existen diferentes técnicas para a fabricación do papel marmolado. A máis simple consiste en facer aboiar tintas con base de aceite sobre auga. A tradición di que esta técnica fora inventada no século XVII por Mace Ruette, encadernador oficial do rei Luís XVIII, ao querer obter papel que se parecera ao mármore de onde deriva o seu nome.
Nos séculos que seguiron, esta técnica de decoración foi moi popular en Europa e era considerada como unha arte complementaria á da encadernación.
Os alumnos/as de 2º Bach.de Artes experimentaron con esta técnica, e logo de probar distintas fórmulas, a máis exitosa foi a de pintura ao óleo con augarrás. Tamén probaron a da pintura acrílica con fel de boi, que sempre queda con menos carga a pintura. Os papeis usados foron cartolinas, papel basik, medias tintas, acuarela...
Estes papeis convertíronse en portada e contraportada de pequenas libretas de notas que se entregaron como agasallo para os centros participantes no Proxecto do Comenius Biodiversity of Rivers do IES de Sar 2013/15, que nesta ocasión chegaron de Chipre, Polonia, Romanía, Turquía, Portugal e Illa de Francia.

Nestes enlaces pódese ampliar a información
Art of the Marbler

Ebru Art @ American Islamic College

Artimañas blog: Papel al agua


26 de outubro de 2014

ANIMAIS NOS RÍOS DE EUROPA (Biodiversity of Rivers)

Dende a materia de Técnicas Gráfico Plásticas participamos no Comenius do departamento de Bioloxía do I.E.S de Sar de "Biodiversity of Rivers" (2013/15) deseñando o logo para o mesmo que resultou gañador de entre os sete países participantes (Polonia, Rumania, Portugal, Turquía, Chipre, Illa de Francia e Galicia). A alumna gañadora foi Carla Bautís de 2º de Artes e Alba Rodríguez de segunda do curso 2013/14.
Este curso 2014/15 o alumnado de 2º de Artes en relación con este proxecto traballou coas técnicas secas de cretas e pastel os animais que moran nos ríos de Europa. A pesares da súa complexidade, e na maioría ser a primeira vez no uso da técnica do pastel, os resultados foron sorprendentes.

  

20 de febreiro de 2014

16 de febreiro de 2014

A ESPIGADA CAFETEIRA ITALIANA ESTÁ DE 80 ANIVERSARIO

A cafeteira italiana fai 80 anos en 2013. É tamén coñecida como cafeteira moka ou macchinetta. Continúa a ser a maneira máis económica e sinxela de preparar un bo expresso. Dende que en 1933 a inventara o italiano Alfonso Bialetti (aínda que a patentou Luigi de Ponti no seu nome), pese ás imitacións, a orixinal sempre será a de Bialetti, co seu Omino coi Baffi (homiño co bigote) serigrafado nun dos seus laterais. O deseño da cafeteira italiana inspirouse no dunha lavadora primitiva coñecida como “lisciveuse”, unha especie de ola xigante na que se quentaba a auga xunto coa roupa e o xabón. Esa ola tiña tamén unha pipeta no centro que facía que, ao ferver a auga, esta subira pola pipeta, vertendo o xabón de novo sobre a roupa, no que poderiamos chamar un ciclo de lavado. Dende o IES de SAR, os alumnos/as de 2º BACH. de Artes do curso 2013-14 (Técnicas Gráfico Plásticas) fixéronlle unha pequena homenaxe interpretándoa en distintos estilos e con técnicas secas, collage...

















7 de febreiro de 2014

AS MODESTAS PRANCHAS

As orixes da prancha son remotas. No s. IV a.C., os gregos usaban unha barra de ferro cilíndrica quentada, parecida a un rolo de amasar, que se pasaba sobre as roupas de liño para marcar os pregues. Dous séculos máis tarde, os romanos xa pasaban o ferro e pregaban cun mazo plano, metálico, que literalmente martelaba as engurras.
Tamén as empregaban os chineses no século IV para alisar a seda.Tratábase duns recipientes de latón con mango, no interior dos cales colocábase unha cantidade de brasas con cuxo calor se quitaban as engurras do tecido. Despois, houbo pranchas de pedra, de mármore, de vidro, ocas que levaban carbón quente no seu interior e de metal, que se quentaban nun fogón... O 6 de xuño de 1882, o estadounidense Henry W. Seely inventou e patentou a primeira prancha eléctrica, aínda que nese momento non estaban instaladas as redes eléctricas nos fogares. En 1924, Joseph W. Myers inventou a prancha eléctrica de termóstato.Os alumnos/as do IES de SAR de 2º de BACH.de Artes (2013-14) na materia de Técnicas Gráfico Plásticas fixeron as seguintes interpretacións con técnicas secas e collage.