12 de novembro de 2014

INAUGÚRASE O MUSEO DE HISTORIA NATURAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA


O Museo de Historia Natural da Universidad de Santiago é un valioso conxunto do patrimonio histórico científico e o único museo de Historia Natural existente en Galicia. Nel poden verse un gran número de coleccións -que suman un total de 25.000 exemplares- de fauna, flora e minerais procedentes, non só de Galicia, senón de todas as partes do planeta.

Como centro continuador do Gabinete de Historia Natural creado na Universidad de Santiago durante o curso 1840-41, o Museo conserva nas súas instalacións moitas coleccións do século XIX, verdadeiras alfaias patrimoniais, que converten a este centro nun tesouro científico. Todo este patrimonio fai que este centro sexa un 'escaparate do mundo natural', en xeral, e da ciencia galega, en particular. A través das súas coleccións pode realizarse un completo percorrido polo labor dos máis destacados científicos galegos como Antonio Casares Rodríguez, Víctor López Seoane, Isidro Parga Pondal,  Luís Iglesias, José Rodríguez..., así como pola investigación actual realizada en distintos departamentos da Universidade de Santiago.

O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela é un centro con fortes potencialidades educativas e sociais, pois ademais das súas tarefas de investigación e educación formal, centra o seu futuro na divulgación científica, dando resposta ás obrigas que esta universidade ten coa cidadanía.

    



 

Ningún comentario: