Blog sobre literatura, libros, películas e actividades da Biblioteca do I.E.S. de Sar en Santiago de Compostela. En galego, castelán, inglés e francés.
11 de xuño de 2014
DÍA DO CIENTÍFICO GALEGO: HOMENAXE A LUÍS IGLESIAS
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) organiza este ano a sétima edición do Día do Científico Galego, co que a comunidade científica galega quere homenaxear ás figuras máis sobranceiras da súa historia. Pretende, así, difundir a súa contribución para que a opinión pública poida percibir, a través dos exemplos máis destacados do pasado, o prestixio actual da investigación en Galicia e a necesidade de investir recursos nela para que o seu potencial sexa cada vez maior cara ao futuro.
Luís Iglesias Iglesias (Teis-Vigo,1895 – Pontevedra, 1976), comezou a carreira de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela por tradición familiar, pero sentiuse axiña fortemente atraído polas Ciencias Naturais, ás que finalmente orientou os seus estudos a pesar da oposición inicial do seu pai. Licenciouse en Ciencias Naturais en Madrid en 1917, e de volta en Santiago completou tamén a carreira de Medicina, aínda que só exercería como médico na guerra de Marrocos.
Mediante a súa Tese de Doutoramento, Iglesias foi o primeiro investigador en catalogar en España a familia de insectos coñecidos como curculiónidos. A súa enumeración consiste en 135 xéneros con 1117 especies destes insectos, moitos deles causantes de pragas moi perxudiciais para diferentes tipos de cultivos agrícolas. Isto fixo que Iglesias orientara despois a súa labor de investigación aplicada para controlar e erradicar estas e outras pragas.
Exerceu uns anos como profesor no Instituto de Segunda Enseñanza de Santiago, e despois acadaría a Cátedra de Bioloxía Xeral da Facultade de Ciencias de Santiago, que ocupou ata a súa xubilación.
Luís Iglesias dá nome ao Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, a colección de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia, que ten previsto reabrir a súas portas na súa nova sede en datas moi próximas, coincidindo con esta celebración.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario