23 de febreiro de 2014

O GARAXE HERMÉTICO: Primeira escola galega de Banda Deseñada e Ilustración


A primeira escola profesional de banda deseñada e ilustración de Galicia, O Garaxe Hermético, está no seu segundo curso, consolidando en pouco tempo un proxecto académico que ten como obxectivo formar
profesionais que poidan publicar os seus traballos. O seu director, Kiko da Silva, é debuxante e ilustrador, así como colaborador de La Voz de Galicia, y ten posto todo o seu esforzo e empeño neste centro, convertido xa nun referente nacional como alternativa a outras escolas de Madrid e Barcelona, que ata agora eran a única opción formativa.
A escola atópase en Pontevedra, cunhas instalacións de 220 m². Os alumnos non reciben unha titulación oficial, mais o importante, segundo da Silva, é que sairán do centro coñecendo unha profesión que cualifica de apaixonante: "non me importa non ter titulación oficial porque, ao final, un título nesta profesión non
implica absolutamente nada; o que van valorar é o teu traballo e se es profesional".
Alumnos das máis diversas procedencias (Asturias, Portugal, A Coruña, Vigo, Tui, Ourense ou Santiago) teñen apostado por O Garaxe, atraídos por unha metodoloxía pensada para facerse profesionais da banda deseñada e da ilustración. Sendo sabedores, ademais, de que todos os profesores que lles dan clase (o propio Kiko, Fernando Iglesias Kohell, Fran Bueno e Miguel Porto) son creadores en activo
de Banda Deseñada e viven diso. Antes de maio, cada alumno producirá unhas corenta páxinas de banda deseñada e terá contacto directo en master classes con editores.
O Garaxe Hermético é un proxecto moi persoal que naceu nun momento complicado para poñer en marcha novas iniciativas.
Para Kiko da Silva priorizáronse aspectos como a ilusión en desenvolver o sector en Galicia, desde a casa, e con vocación de poder exportar banda deseñada galaica ao mundo. Empeza a haber editoriais que editan banda deseñada, hai editoriais tradicionais como Galaxia, Xerais ou Kalandraka que xa fan colección de banda deseñada, pero quedaba a formación. Isto nace por un motivo básico, que é poder ensinar este oficio desde un punto de vista profesional.
Ademais, O Garaxe Hermético conta coas colaboracións permanentes de Miguel Anxo Prado e os seus seminarios de 'banda deseñada'.

Ningún comentario: