O grupo de Diversificación de terceiro da ESO do IES de Sar está a desenvolver na materia Ámbito Científico un proxecto sobre xerminación e cultivo de 23 tipos de plantas aromáticas e medicinais, proxecto promocionado pola fundación Barrié, no marco da sección desta fundación coñecido como Educabarrié.
No proxecto estúdanse especies moi apreciadas en Galicia polas súas esencias aromáticas e polas súas propiedadess culinarias e medicinais. Ao longo dos meses que restan para rematar o curso académico desenvolveremos as seguintes fases do traballo:
1ª.- Na primeira fase, na que nos atopamos nestes días, estamos a cultivar nun pequeño viveiro situado no laboratorio de Bioloxía as sementes, empregando, por una banda, os vasos e substrato proporcionados por Educabarrié e, por outra banda, tetrabriks reciclados e substrato comprado grazas á subvención da ANPA do centro. Aproveitamos para analizar o pH distinto dos dous tipos de medio, o que nos servirá para comparar a súa mellor condición para o cultivo das diferentes sementes. Os datos obtidos ata a fecha enviáronse á fundación Educabarrié nun informe de seguimento inicial. Nestes días xa podemos ver como comezar a brotar moitas das sementes, como se observa nas imaxes seguintes:
2ª.- Na segunda fase, estudaranse as características formolóxicas das diferentes especies coa axuda da web da fundación Barrie onde figuran todas as especies cultivadas coas súas características e detalles do seu cultivo e recolección, servíndonos para tentar de identificalas coa axuda dos códigos QR. Finalmente, comprobarase o grao de acerto na correspondente táboa dos nomes de cada especie.
3ª.- Na terceira fase, plantaranse as especies en parterres de terra preparados adecuadamente polo xardiñeiro do centro. Nesta fase colaborarán tamén alumnos e alumnas de primeiro da ESO. A plantación tanto destas especies como dunha serie de árbores e arbustos nas partes verdes do centro ven facilitada polas ferramentas e material aportado pola Dirección do centro, especies arbóreas e arbustivas aportadas pola concellería de Medio Ambiente do concello de Santiago, e todo o material, plantas e instrumental de laboratorio proporcionados pola ANPA do centro. Tamén agradecemos a aportación de plantas da profesora María Xosé Molina. As diferentes especies rotularanse para o que o alumnado de diversificación de terceiro está a elaborar as correspondentes fichas informativas, mentres que a profesora Pilar González de Tecnoloxía proporcionará os soportes para estes carteis.
4ª.- Na cuarta fase faremos..... ben isto é un segredo de momento. A ver se ao final deste curso o podemos desvelar. Algo de paciencia....
Co axadinamento do centro e co estudo destas plantas aromáticas pretendemos fundamentalmente:
- TER UN CENTRO MÁIS AMIGABLE E ACORDE CO NOSO MEDIO NATURAL.
- ACHEGÁRMONOS ÁS NOSAS TRADICIÓNS NO USO CULINARIO E MEDICINAL DESTAS XOIAS DA NATUREZA QUE SON AS PLANTAS AROMÁTICAS.
Ningún comentario:
Publicar un comentario