A crítica de arte e comisaria de exposicións Mercedes Rozas fai unha doazón de máis de 300 libros de arte e catálogos de exposicións ao IES de SAR, coa intención de enriquecer o fondo bibliográfico da nosa biblioteca. Sabedora do importante que é o libro para a formación integral dos alumnos dun centro que, coma o noso, é o único que imparte o Bacharelato de Artes na capital de Galicia, doa parte da súa biblioteca persoal a un centro cultural de referencia no país e a dous centros de ensino, como son o Museo do Pobo Galego, a Escola de Arte e Superior de Deseño de Ourense e o IES de Sar de Compostela.
Con esta doazón, o IES de Sar faise cunha colección de obras que dan conta da vitalidade artística de Galicia nas últimas décadas, achegando catálogos individuais de artistas contemporáneos, proxectos colectivos e monografías que delimitan con precisión e pluralidade a cartografía das artes plásticas en Galicia nos últimos trinta anos.
Desde a dirección do centro e desde toda a comunidade educativa, queremos agradecerlle a Mercedes Rozas a súa xenerosidade e o seu compromiso coa cultura e coa formación artística dos nosos alumnos.
Nesta entrevista podedes saber máis sobre o seu traballo e os moitos proxectos nos que ten participado.
Ata hai unhas semanas, puidemos disfrutar dun dos seus últimos comisariados: a exposición organizada no Auditorio de Galicia sobre un dos artistas maiores de Galicia: Leopoldo Nóvoa, de quen Mercedes Rozas seguramente sexa a crítica de arte que mellor coñece hoxe a vida e a obra dun dos artistas galegos de maior prestixio internacional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario